Son Antía Yáñez

Benvida! Cóntoche máis sobre min

Imaxe: nome

Unhas notas biográficas

Imaxe: nome

Nacín en Burela, aos pés do Cantábrico, no verán de 1991. Na infancia devorei libros como elemento principal da dieta e agora escribo como complemento alimenticio vital.

Son Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos pola Universidade da Coruña, pero nunca exercín. Traballei de monitora en campamentos xuvenís, de comercial, de profesora e ata de oficial de mesa de partidos de baloncesto, pero o único que tiña claro era que a min me gustaba ler, o que non era un gran dato para poñer no currículum. 

Son cofundadora de Átomos e actualmente traballo na súa parte académica como profe polas tardes e escribo e imparto obradoiros polas mañás.

Formeime no relato curto, comezando cos certames locais da infancia. Foi o meu primeiro oficio remunerado, xeralmente pagado con libros que alimentaban aínda máis a miña fame lectora.

 Xa adulta, e vendo que o traballo de oficina non era o meu, decidín comezar a escribir de novo e participar en concursos literarios a ver que pasaba. E pasou que gañei un lote de conservas cun microrrelato e crin que isto da escrita mesmo podía dar de comer, literalmente.

En 2015, a piques de rematar a carreira, lanceime á piscina e escribir un libro, O misterio de Portomarín (Galaxia), que viu a luz grazas a Twitter e á miña total falta de vergoña por asaltar editores descoñecidos vía redes sociais.

A partir de aí, seguín escribindo e publicando novelas, tanto para público adulto coma para infantil e xuvenil. Á fin e ao cabo, unha nunca deixou de ser nena.

Non dubides en escribirme

Se tes algunha pregunta sobre a miña obra, queres máis información sobre os obradoiros que organizo ou pensas que te podo axudar nalgúnha cuestión, non dubides en escribirme a través do formulario de contacto. Tamén podes seguirme nas miñas redes sociais!

Translate »